Telmo presenta ‘A nova Pontevedra’

    PONTEVEDRA > Grande espectación a que se creou esta tardiña en torno á presentación pública do proxecto de Telmo Martín para os vindeiros 8 anos, en caso de acceder á alcaldía de Pontevedra. O discurso do candidato popular, en galego, arrancou co lema deste proxecto: a nova Pontevedra, para a que ten un obxectivo principal.

    telmolider_300_310107.jpg‘A nova pontevedra é un proxecto de traballo que ten como principal obxectivo devolverlle a Pontevedra o liderazgo que se merece’. Uns minutos antes de pronunciar estas palabras, Telmo Martín aparecía no escenario preparado para a ocasión no auditorio principal do Centro Social Caixanova de Pontevedra. Unha entrada triunfal cun caloroso recibimento por parte das 800 persoas que completaron o aforo da sala. Entre eles, en primeira fila, estaban o presidente rexional do PP Alberto Núñez Feijóo e o secretario xeral do PPdeG Alfonso Rueda.

    Entre o público, moitas caras coñecidas do vida política pontevedresa, tanto a nivel local como a nivel autonómico ou nacional, caso das deputadas populares Pilar Rojo e Rosana López Salgueiro. Apoiado cunha pantalla xigante, Telmo Martín presentou un proxecto baseado en sete piares. Para empezar, de arrebatarlle a alcaldía a Fernández Lores, o candidato popular proponse modernizar a xestión municipal, coa creación de 2 empresas municipais unha para vivenda e solo e outra para infraestructuras e transporte, ademais dun organismo autónomo para servizos sociais.

    Repite polo tanto o modelo seguido durante a súa época de alcalde no Concello de Sanxenxo. Tamén se propón de aquí a 2011 aumentar o presuposto municipal de Pontevedra de 72 millóns a 150 millóns de euros. O segundo piar é o rural e os barrios, co obxectivo de saldar unha débeda histórica como é o saneamento, do que carece segundo indicou o 64 por cento da poboación do rural pontevedrés. Outro proxecto estrela é a creación dun bulevar entorno ó Lérez e a ría, entre a ponte dos tirantes e o porto de Marín, sete quilómetros nos que recuperaría 600 mil metros cadrados de espazos públicos. Aquí tamén falou da recuperación dunha praia para a cidade.

    En canto ó tráfico, proponse crear tres aneis na cidade en rúas nas que xa hai circulación de tráfico, e crear unha liña de transporte urbano, máis un metro lixeiro para comunicar a cidade coas parroquias. O proxecto de Telmo Martín complétase con actuacións en materia de emprego, equipamentos sociais e medio ambiente.

    Redacción Salnés