Tino Carou será o candidato do BNG en Caldas de Reis

    constantinocarou_100_310107__still_001.jpgCALDAS DE REIS > Constantino Carou substituirá a Paloma Fernández como alcaldable do BNG en Caldas de Reis.

    Constantino Carou, o candidato do BNG de Caldas, presentouse publicamente arroupado por responsables locais e comarcais da súa agrupación política. Entre eles Anxos Riveiro, responsable comarcal, que definiu a Carou como unha persoa ‘seria, honrada e coñecedora do pobo que continuará o excelente traballo feito por Paloma Fernández nos últimos anos’. A propia concelleira destacou a estreita colaboración mantida co candidato nos últimos tempos, polo que o considera un gran sucesor.

    Perfil do candidato

    Constantino Carou, de 46 anos, traballa na rama de formación ocupacional e profesional e xa formara parte das candidaturas nacionalistas nas últimas eleccións. Milita no Bloque dende hai quince anos e asegura estar ‘moi ilusionado’ con este novo reto. Asegura que o actual goberno socialista ‘está sen ideas, esgotado, tal como se puido ver durante a xestión da crise da auga ou de Brenntag’.

    Tamén denunciou o ‘abandono das parrouias’ onde, segundo dixo, ‘só se aplica a política do formigón’. Agora o candidato traballa man a man coa agrupación para defini-la lista de persoas que o acompañará nas vindeiras eleccións de maio.

    Redacción Salnés