Os comerciantes propoñen o traslado do mercadiño ás rúas Nova e Hospital

    cambadoszonacentro_100_010207.jpgCAMBADOS > O comercio local propón o traslado do mercadiño como solución ós problemas de aparcamento no centro da vila…

    … No entorno de Fefiñáns formúlanse zonas de carga e descarga con posibilidade de estacionar os clientes durante 10 minutos. Cambados Zona Centro propuxo ó Concello o traslado do mercadiño ás rúas Nova e Hospital para deixar despexada a zona do paseo marítimo de San Tomé, onde se empraza actualmente os mércores e sábados.

    Esta é unha das medidas formuladas ó goberno municipal e Policía Local co obxectivo de gañar máis prazas de aparcamento e mellorar o tráfico na vila. A asociación de comerciantes Cambados Zona Centro presentou ó alcalde onte e hoxe ó sarxento da Policía Local as súas alternativas para solucionar os problemas de tráfico e falta de aparcamento na vila.

    No centro os comerciantes propoñen o traslado do mercado dos mércores e sábados para as rúas Nova e Hospital. Só quedarían no entorno da praza de Abastos os postos con alimentos perecedoiros e de flores. Deste xeito, segundo explicou o presidente Marcos César González, no paseo marítimo quedarían 200 prazas libres para aparcar e ademais desconxestionaríase o tráfico na Avenida de Galicia. Marcos González recoñece que non contan co apoio dos vendedores ambulantes do mercado, pero si do 99 por cento dos comerciantes instalados na vila cambadesa.

    Tamén lanzaron unha proposta para a falta de aparcamento na zona comercial de Fefiñáns. Os comerciantes pediron zonas de estacionamento por horas, pero recibiron unha nova alternativa por parte da Policía Local. O sarxento indicoulles que sería mellor unha zona de carga e descarga con posibilidade de permitir o aparcamento a clientes por 10 minutos. Os comerciantes terán unha nova reunión con Concello para concretar estas medidas.

    Redacción Salnés