![]()
CAMBADOS> O avogado da familia de Mari Luz Posse cre que a presión social acelerou a convocatoria do xuízo contra o ex garda civil Jaime Maiz.
{flowplayer}images/salnes/xuizo_jaime_maiz.flv{/flowplayer}
CAMBADOS> A presión social acelerou a convocatoria do xuízo contra o ex garda civil Jaime Maiz Sanmartín, acusado de matar á cambadesa Mari Luz Posse. A lo menos, así o considera o avogado da familia da falecida, Laureano Barreiro.
O letrado manifestou a Canal Rías Baixas que non é habitual esta axilidade na xustiza, tendo en conta que en xaneiro se iniciou a fase de instrución e este mesmo mes xa se fixou para xuño a data do xuízo oral. Segundo Barreiro, por un lado están satisfeitos, pero a familia inda está inqueda polo feito de que Jaime Maiz está na rúa.
O ex garda civil está en liberdade provisional desde o pasado 4 de febreiro por un erro da entón titular do xulgado número 3 de Cambados que firmou con retraso a ampliación da prisión preventiva. A Fiscalía e maila acusación particular presentaron recursos que foron desestimados pola Audiencia de Pontevedra.
Os días 15, 16 e 17 de xuño o ex garda civil sentarase no banco dos acusados no xuízo que terá lugar na sección segunda da Audiencia provincial. Pasarán ante o tribunal médicos forenses, familiares da vítima, gardas civís e testemuñas presenciais do crime. A acusación será exercida por catro partes, o fiscal, os dous avogados da familia de Mari Luz e o avogado do Estado.
Os feitos que se van xulgar aconteceron en decembro de 2007, a vítima acudiu ó cuartel da Garda Civil de Cambados cunha amiga para denunciar por ameazas e acoso a Jaime Maiz, co que mantivera unha relación sentimental. O acusado vivía alí e tentou disuadila, ó non conseguilo foi pola súa arma regulamentaria e disparoulle na fronte, matándoa no acto, tentou agredir tamén á amiga, pero impedírono os outros axentes.
A representación legal da familia de Mari Luz Posse e maila Fiscalía solicitan 20 anos de prisión para Maiz por un delito de asasinato. A acusación particular esperará a despois deste xuízo para denunciar ó ex garda civil por malos tratos.
Redacción Salnés







