Rianxo está máis preto de ter un punto limpo

    puntolimporianxo_100_010207.jpgRIANXO > Medio Ambiente sacou a licitación o punto limpo de Rianxo por un importe duns 214 mil euros.

    A súa ubicación será nas inmediacións do polígono industrial de Té e o prazo de execución dos traballos está fixado en tres meses.

    O executivo rianxeiro amosou a súa satisfacción polo anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia por parte da Consellería de Medio Ambiente de sacar a licitación pública a construción do tan ansiado punto limpo.

    Esta obra era, dende hai tempo, unha vella demanda do goberno local, co fin de darlle así un mellor servizo ós veciños e evita-los vertidos incontrolados de residuos de gran tamaño polos montes do municipio, unha práctica que, por desgracia, está a ser unha constante hoxe en día.

    Dase ademais a circunstancia de que Rianxo era o único dos concellos da comarca do Barbanza que aínda non dispón desta instalación, que xa está funcionando dende hai algún tempo en Boiro, Ribeira e Pobra do Caramiñal.

    O punto limpo en Rianxo estará ubicado nas inmediacións do polígono industrial de Té. O concello xa puxo no seu día a disposición da Consellería de Medio Ambiente unha parcela de 2.000 metros cadrados que adquiriu despois de negociar cos seus propietarios, un paso previo á redacción do proxecto e á súa licitación.

    Redacción Barbanza