POIO > Rosa Sanmartín, veciña de Raxó, permanece encadeada no concello para denunciar o derrubo dun edificio pertencente ó seu irmán.
O Tribunal Supremo obrígao a demoler a casa, construída ilegalmente hai 13 anos, e a correr cos gastos do derrubo. A muller considera unha inxustiza actuar contra un particular que ademais vive na emigración, cando as grandes promotoras fan o que queren na mesma costa.
Rosa Sanmartín, de 72 anos e veciña de Raxó, denuncia, encadeada na casa do concello o que considera toda unha inxustiza. Rosa recoñece que as obras da casa foron feitas de xeito ilegal pero que o anterior alcalde lles dixera que a zona pasaría a ser núcleo urbano no futuro, algo que non pode demostrar con documentos, xa que todos os que existen fan referencia á ilegalidade da casa.
Pero o que máis lle doe é que, na mesma situación hai moitas outras edificacións que non se tirarán, mentres que se vai derrubar o futuro de toda unha familia que leva anos na emigración para poder volver o día de mañá á súa aldea natal.
O alcalde asegurou hai uns días que a outra casa, da que fala Rosa, tamén podería ser derrubada xa que ten aberto un expediente de infracción por parte de Costas, anque, polo momento non hai sentencia xudicial firme.
Redacción Salnés