Noia acollerá en agosto a novena edición do Festival Internacional de Arpa

NOIA>  Será entre o 3 e o 7 de agosto e achegará ata a vila as últimas tendencias que mesturan a versión máis tradicional deste instrumento co estilo contemporáneo.

Son moita as novidades que deparará o Noia Harp Fest nesta novena edición que pasa de 3 a 5 días. A praza do Tapal será escenario dos concertos a cargo dos máis destacados artistas a nivel internacional como o trío bretón Lune Bleue, os irmáns Corvalán dende Paraguay, Savourna Stevenson ou Kora Jazz Trío.

Aínda que os concertos de gran formato seguirán sendo no Tapal, destaca este ano a descentralización do festival que por primeira vez ábrese a concellos limítrofes como Outes e á colaboración da iniciativa privada con empresas como as Cabaniñas do Bosuqe ou a distribuidora dixital de música Altafonte.

Ademais de aumentar os días de celebración e o número de artistas convidades, increméntanse tamén as actividades complementarias que rodean o festival como un obradoiro de construción de arpas, a reunión das escolas de arpas de Galicia, a foliada de benvida ou o concurso internacional de composición para arpa e orquestra.

O festival será presentado tamén en Madrid, Braga e Porto no marco das colaboracións que vén mantendo a organización deste encontro que xa traballa nun proxecto de creación da rede europea de festivais de arpa.