O porto aspira a contar cunha terminal marítima de contedores

    jesuspaz_100_020207.jpgVILAGARCÍA > O porto podería contar este ano cunha terminal marítima de contedores. O Grupo Contenemar presentou …

    … esta semana a través da súa filial Tercovi unha solicitude de concesión na Autoridade Portuaria.

    O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, Jesús Paz, presentou esta mañá o que denominou un soño feito realidade. Este mércores a Autoridade Portuaria recibiu unha solicitude de concesión para instalar no porto arousán unha terminal marítima de contedores. A proposta parte de Terminal de Contenedores de Vilagarcía, Tercovi, do Grupo Contenemar. ‘Pensaron no porto de Vilagarcía porque valoraron a situación estratéxica e infraestructuras en execución, os accesos terrestres e o solo industrial próximo e ben comunicado’, sinalou Paz.

    jesuspaz_200_020207.jpgA empresa ten previsto instalarse este mesmo ano en Vilagarcía, cunha estimación de movemento neste exercicio de 20 mil ‘teus’. Tercovi nace con dúas liñas regulares, cunha con Marrocos e outra con Canarias, con mercancía procedente de Galicia, Castela León e norte de Portugal, aínda que a curto prazo prevé abrir unha conexión co norte de Europa. A de Canarias é a que máis gusta ó porto arousán, ‘será vital para nós pero tamén para a riqueza da comarca’.

    O investimento de Tercovi sería de 5 millóns de euros para instalarse nunha parcela de 44 mil metros cadrados, con dúas grúas porta contedores, e infraestructura necesaria para o seu movemento, máis cinco torres con 18 tomas cada unha para contedores de conxelado.

    A solicitude de Tercovi foi remitida hoxe ó Boletín Oficial do Estado e en canto saia publicado abriranse 30 días naturais para recibir outras propostas, algo que ve moi probable Jesús Paz. Logo será o Consello de Administración do Porto quen elixa a mellor.

    Redacción Salnés