A droga transportada no Coral I tiña que chegar a Galicia nunha planeadora

    SALNÉS> O Coral I xa está en territorio español. A embarcación con 1.500 kg de cocaína a bordo atópase dende as 9 desta mañá no porto de As Palmas. Nel tamén viaxan os nove tripulantes que foron detidos no marco da Operación Visillo. En terra, esta intervención tamén tivo o seu eco: dez detencións máis na comarca do Salnés, entre elas a de Rafael Bugallo, o Mulo.

     

    Os nove tripulantes do Coral I, todos de nacionalidade venezolana, xa pasaron a disposición xudicial despois da chegada do barco ao porto de Las Palmas. A embarcación foi localizada o 5 de xaneiro cando transportaba 1.500 kg de cocaína. 

    A estas detencións hai que sumar as 10 efectuadas en terra o día de Reis: nove en Vilagarcía, Vilanova e Cambados e unha en Madrid. 

    Así dáse por desarticulado un grupo de narcotransportistas, liderado por Rafael Bugallo, o Mulo. Este coñecido do narcotráfico galego tamén foi detido na súa casa de Cambados, mentres se agochaba nun zulo da propia vivenda.

    No marco da operación tamén se interveu unha embarcación de 20 metros de eslora e 2.000 cabalos de potencia. O barco estaba oculto nunha nave da Costa da Morte, preparada para navegar ata un punto do Atlántico onde se encontraría co Coral I para facer transbordo da cocaína e transportala ata as costas galegas. A embarcación fora camuflada baixo o aspecto dun pesqueiro; no seu interior estaba baleira e lista para transportar bidóns de gasoil e fardos de cocaína.

    O grupo mantiña contactos con importantes provedores de cocaína, entre eles un traficante colombiano detido en Madrid que estaba en busca e captura por anteriores operación. Os membros da organización colombiana contaban cunha oficina en Vilagarcía para establecer os contactos internacionais.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/16/chegada_corali_palma.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/16/chegada_corali_palma.mp4{/flowplayer}