EU reclama un informe dos danos ocasionados polas obras do AVE

    VILAGARCÍA > A comisión municipal de seguimento das obras do tren de alta velocidade en Vilagarcía reuniuse onte. Pero as versións do que aconteceu neste foro distan moito.

    O edil de Esquerda Unida de Vilagarcía, Juan Fajardo, afirma que o edil de obras Manuel Rodríguez Cuervo foi á reunión sen ningún tipo de estudo técnico sobre a realidade das obras. Fronte a isto, o Concello asegura que tanto o edil de Obras como o enxeñeiro municipal están en permanente contacto cos responsables da empresa, ós que lles teñen transmitido todas e cada unha das queixas e reclamacións, escritas e verbais, dos veciños. Ademais, anunciou que a concesionaria reparará en maio os danos que provocou.

    Fajardo solicitou unha vindeira reunión onde se entregue un informe técnico coas obras realizadas, as carentes de realizar e as reclamacións presentadas por particulares. Esquerda Unida di ademais que nesa vindeira xuntanza levará un documento coas necesidades aínda non cubertas, ou cubertas de forma deficitaria, entre elas a deficiente realización dos pasos soterrados ou a falta de recollida de augas da obra.

    Redacción Salnés