Vilaxoán divídese ás portas das Revenidas polo medo ao coronavirus

VILAGARCÍA> O Festival das Revenidas arrinca a súa andaina neste 2020 con polémica. A cita será os días 10, 11, 12 e 13 e terá este ano un formato reducido, adaptándose ás medidas sanitarias. Pero as restricións para evitar os contaxios parecen non convencer a todos os veciños. Hoxe a presentación oficial das Revenidas en Conserva tivo que cancelarse polas protestas dun grupo de veciños, que cren que este ano non se debería celebrar a cita.

A pouco máis dunha semana do inicio do Festival das Revenidas, o ambiente en Vilaxoán é ben diferente ao que normalmente rodea a esta cita. Hai veciños na vila que cren que este ano non se debería celebrar porque teñen medo a que aumenten os contaxios por COVID-19.

As protestas levaron ás autoridades a cancelar a presentación da cita. Tanto dende o concello de Vilagarcía como dende a Xunta insistiron en que se fará con todas as garantías sanitarias.

As Revenidas serán este ano “en Conserva” cun formato moi reducido. Como se vén facendo noutras citas semellantes, a xente terá que estar sentada cun metro e medio de distancia de separación e terá que levar a máscara durante toda a actuación. Haberá catro escenarios e os  aforos serán reducidos.

Nesta edición o festival aposta con forza por artistas galegos. De Vacas ou Quico Cadaval actuarán de balde, polo que será preciso inscribirse previamente. De pago cunha entrada de 15 euros serán os concertos de Sés, Zeltia Irevire, Ortiga e Dakidarría en acústico. O domingo 13 pola mañá terá lugar a Gala de Circo Revenidas e xa pola tarde o festival estrea colaboración coa asociación O Soño de Lilith, acollendo a Gala Revenidas-Festivala. A programación complétase con outras iniciativas como showcookings con produtos galegos,  concertos de bandas locais ou os roteiros “Redescubre Vilaxoán”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí