VILANOVA> Unha investigación liderada polo CIMA, o Centro de Investigacións Mariñas asentado en Vilanova, busca un berberecho máis resistente. O proxecto pretende obter marcadores moleculares da resistencia da salinidade deste bivalvo. E todo nun contexto no que cada vez son máis frecuentes episodios de baixa salinidade nas nosas rías, polos desaugues dos encoros ou fortes episodios de chuvia.
Esta imaxe pode ser cada vez máis habitual. O cambio climático pode provocar nas nosas rías episodios dun gran aporte de auga doce, coa consecuente baixada da salinidade e a morte do marisco. Na procura dun berberecho máis resistente, a Xunta vai da man coa Universidade de Santiago nunha investigación que se está a desenvolver no CIMA, o Centro de Investigacións Mariñas asentado en Vilanova.
A investigación céntrase na obtención de marcadores moleculares que permitan logo obter estirpes de berberecho máis tolerantes ao descenso da salinidade.
Ese é o obxectivo final, nun proxecto a tres anos que acaba de botar a andar. Polo de agora aquí, no CIMA, xa teñen 4.000 exemplares de berberecho que están somentendo a distintas condicións de salinidade. Exemplares da ría de Arousa e da desmbocadura do río Anllóns na Costa da Morte, con características diferentes.
Unha vez rematados os traballos de laboratorio, a investigación preténdese trasladar a campo en condicións de baixa salinidade.
O cambio climático, explica a investigadora, tamén está detrás da perda brusca de salinidade porque, a maior temperatura da auga os procesos críticos sempre son máis rápidos.
Cun investimento de 174.000 euros, neste estudo tamén está a colaborar a Federación Galega de Confrarías, así como mariscadoras de Vilaxoán, Moaña e as da lonxa de Campelo, que engloba ás de Raxó, Pontevedra e Lourizán.











