Cambados quere estender a compostaxe entre os veciños coa instalación de tres novos composteiros

CAMBADOS> Cambados quere instalar novos composteiros comunitarios. O Concello estuda habilitar ata tres novas zonas nas que os veciños poidan deposita-los seus refugallos orgánicos. A medida, ademais de contribuír a coida-lo medio ambiente, supón tamén un aforro económico.

Cambados ten, ata o de agora, dous composteiros comunitarios: este do Pombal e outro no Brexo. A estes hai que sumar tamén os individuais, que un cento de veciños xestionan na súa propia casa.

Agora, o Concello quere seguir extendendo esta práctica coa instalación de novas unidades como esta.

Prácticamente o 50% do que se bota no colector verde é materia orgánica, que atopa nos composteiros unha segunda vida. O obxectivo é chegar ó ano que vén cos deberes feitos, reciclando a meirande parte dos residuos urbanos, tal como ordena unha normativa europea.

Para fomenta-lo uso deste sistema de xestión de residuos e para garantir que a compostaxe se leve a cabo con eficiencia, Cambados conta dende hai pouco cun mestre composteiro. Explícanos que o único que temos que facer é separa-los residuos que xeramos na cociña. El encárgase de supervisa-los composteiros, analiza-los refugallos que aquí se depositan e prestar axuda ós usuarios.

O que aquí se xera volve para os usuarios en forma de compost, para aproveitar na horta ou en testos. En definitiva, un novo xeito de crear vida con aqueles refugallos que a nós xa non nos serven.