A música fusión dos Xoves de Códax volve aos solpores arousáns

CAMBADOS> Chega o verán e, con el, chegan os Xoves de Códax. A proposta musical da adega cambadesa repite na súa aposta pola tradición e a fusión de estilos, demostrando a súa maridaxe cos solpores arousáns e os viños Martín Códax. O ciclo de concertos arrincará o vindeiro 5 de xullo cunha billeteira que volve ser solidaria. As entradas terán un prezo de 15 euros.

Música, tradición e fusión, solpores e viños Martín Códax. Esta é a receita infalible dos Xoves de Códax, a proposta musical da adega para o verán arousán.

O ciclo de concertos arrincará o vindeiro 5 de xullo. A partires de entón, cada xoves de xullo e agosto a terraza de Martín Códax converterase no epicentro da vangarda musical de Galicia.

Esta edición Guadi Galego e Iván Ferreiro serán os encargados de romper o xeo. Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre o día 12, Marcos Teira Translations Quinteto e La Negra o 19, e Uxía Senlle e Depedro o 26, completan o primeiro treito do ciclo do mes de xullo.

O bravú da Banda Xangai arrincará o mes de agosto o día 2. O 9 os protagonistas serán os sons brasileiros de Najla Shami e Forro Mior, dando o relevo o 16 ao ritmo cubano con Alejandro Vargas e Pancho Amat y El Cabildo del Son. Jenny and The Mexicats e Toñyto García porán o broche de ouro co seu rockabilly fusión.

Os Xoves de Códax tampouco mudan o seu carácter solidario. Un ano máis, a taquilla destinarase de xeito íntegro a varias ONGs da contorna. As entradas subirán ata os 15 euros, e poden adquirirse na páxina web de Martín Códax, cun máximo de 8 por compra. O luns 4 a partires do mediodía poranse á venda as dos concertos do mes de xullo. As de agosto estarán dispoñibles o día 4 de xullo.