As amas de casa de Ribeira premian ‘o traballo ben feito’

    galaamasdecasa_100_120207.jpgRIBEIRA > As Amas de Casa celebraron a súa gala anual coa entrega dos premios ó traballo ben feito.

    Estes galardóns, recuperados este ano polo colectivo, teñen por obxectivo recoñecer a labor de persoas e asociacións de toda España que contribúen á mellora da calidade de vida da sociedade.

    Máis de trescentos asistentes déronse cita nesta gala convocada polas amas de casa ribeiresas, aínda que os principais protagonistas foron os premiados: Manuel Torreiglesias como director do programa de Televisión Española ‘Saber Vivir’, Antonio García, presidente da asociación masculina contra a violencia familiar ‘Ahige’ de Málaga e o xefe de Protección Civil de Ribeira, Manuel Dieste.´

    O alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, fíxolles entrega ós premiados dun escudo do centenario mentres que o deputado provincial, Ramón Quintáns, obsequiounos cun gravado do antigo Reino de Galicia. A presidenta das Amas de Casa, Magdalena Brinngas, entregoulles unha escultura representativa da familia e, a título persoal, regaloulles unha boneca da súa colección privada.

    Durante a gala, que se celebrou no restaurante Chicolino de Boiro, os convidados ensalzaron a papel da muller na sociedade. Manuel Torreiglesias destacou o papel das amas de casa como conductoras da familia que debería ter un maior recoñecemento.

    Pola súa banda, o presidente de Ahige, Antonio García, amosouse moi emocionado ó recolle-lo seu premio polo feito de que se coñeza e se distinga o seu labor tan lonxe da súa terra.

    Entre os moitos asistentes ó acto estaban o director xeral de Xustiza, Ignacio Redondo e os alcaldes de Ribeira, Pobra e Boiro, Torres Colomer, Isaac Maceiras e Xosé Deira, respectivamente.

    Redacción Barbanza