O executivo ribeirense ten intención de conxelar os impostos

    RIBEIRA> A proposta, que xa lle foi trasladada polo propio alcalde, Manuel Ruíz, ó resto dos grupos municipais será levada ó vindeiro pleno para a súa aprobación. Tomando como exemplo iniciativas tomadas por outras Administracións, como é o caso da Autonómica, que vén de anunciar importantes rebaixas nos impostos para o vindeiro ano 2016, o executivo ribeirense ten previsto levar tamén ó vindeiro pleno unha proposta a través da cal pretende aprobar unha conxelación ou nalgúns casos a redución das taxas municipais. É o caso do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), que diminúen un punto respectivamente. Dáse a circunstancia de que o Imposto de Bens Inmobles (IBI) xa está no mínimo legal (0,4%), sendo Ribeira o único municipio da comarca coa porcentaxe máis baixa posible, mentres que o Imposto de Actividades Económicas (IAE) tamén queda conxelado. A proposta do equipo de goberno prevé tamén a introdución dunha serie de bonificacións dirixidas a persoas en risco de exclusión social. Así os veciños que perciban a Risga, a renda de inserción social de Galicia, terán unha bonificación do 50% nas taxas correspondentes ós servizos urbanos de abastecemento de auga, recollida de lixo e sumidoiros.