Bandourrío acusa ó Concello de permitir a apertura de locais sen licenza

    RIBEIRA > A Asociación de Veciños de Cruceiro de Bandourrío acusa ó concello de Ribeira de permiti-la apertura de establecementos de ocio sen licenza. Segundo o colectivo veciñal, o local ‘fai a vista gorda’ con certos hostaleiros que non reúnen os requisitos para o seu correcto funcionamento nin respectan os horarios de peche.

    A pesar do recente peche de dous establecementos, un na Rúa Portugal e outro na avenida do Malecón, a asociación de veciños Cruceiro de Bandourrío, non comparte a actuación do concello de Ribeira no que respecta ó ocio nocturno. Segundo o seu presidente, Antonio Ángel González, o goberno local ten ‘a man máis ancha’ con certos empresarios hostaleiros, ós que outorga permisos para a apertura dos establecementos sen a licenza preceptiva.

    O voceiro do colectivo veciñal considera que esta actitude constitúe unha burla por parte dos responsables municipais. Por outra banda, dende o colectivo veciñal insisten en denuncia-lo incumprimento dos horarios de peche, posto que a maioría dos locais nocturnos pechan máis tarde das tres da madrugada, que é a hora límite establecida pola Consellería de Industria.

    Redacción Barbanza