Pesca exclúe a Cabo de Cruz das axudas polos danos das riadas

    carmelovidal_100_140207.jpgBOIRO > A Consellería de Pesca denegou as axudas reclamadas pola Confraría de Cabo de Cruz para facer fronte ós danos provocados polas riadas.

    A administración autonómica argumentou esta decisión no feito de que os areais boireses resultaron pouco afectados, rexistrando unha escasa mortandade do marisco. Pola contra, os responsables do pósito lembran que na praia da Retorta resultou afectado todo o bivalvo e que nas restantes os danos foron menores grazas ás tarefas de limpeza desenvolvidas polas propias mariscadoras, que deben recibir unha retribución en concepto das perdas por cada día de traballo perdido.

    O anuncio da Consellería de Pesca, de excluír á Cabo de Cruz das axudas ás confrarías afectadas polas ríadas, xerou un gran malestar no pósito crucense que non entende os criterios do departamento autonómico para tomar esta decisión.

    A confraría boiresa reclamaba 150 mil euros en axudas para paliar os danos provocados pola baixada das augas que ateigaron gran parte dos areais de Arousa de residuos procedentes dos montes queimados.

    O patrón maior crucense, Carmelo Vidal, explica que a afectación nas praias boiresas non foi tan grande porque os propios traballadores asumiron as tarefas de limpeza dende o primeiro día. O biólogo do pósito estima que cada mariscador perdeu durante eses días uha media de 145 euros por xornada polo que solicitan á Xunta 145 mil euros para a remuneración do colectivo e outra partida de 5.000 euros para o pago da maquinaria utilizada nas labores de limpeza.

    A directiva do pósito considera ‘inxusta’ esta decisión posto que aínda que se conseguiron minimiza-los danos na maior parte dos areais, na praia da Retorta morreu todo o marisco. Por este motivo, xa remitiron un escrito á Consellería de Pesca reiterando o seu dereito ás axudas.

    A situación en Cabo de Cruz contrasta con outros areais da zona, que si foron incluidas no programa de axudas como a praia dos Raposiños, na Pobra, e a Torre en Rianxo.

    Redacción Barbanza