![]()
VILAGARCÍA > Os estibadores do porto cren que é o momento de que o presidente da Autoridade Portuaria presente o Plan Social …
… para este colectivo. Consideran que desde a última reunión en novembro tivo tempo dabondo para abordar este asunto.
Un desastre. É o balance que fan os estibadores do porto de Vilagarcía para o ano 2006. Toman como referencia os datos de tráficos aportados pola Autoridade Portuaria. No caso dos que xeran xornais para este colectivo os porcentaxes para madeira, taboleiros e conxelados non compensan o traballo da estiba. Os estibadores de Vilagarcía tampouco ven vantaxes para eles nos investimentos que anunciou nos últimos días o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Paz. ‘Todo de boquilla pero nada para dar dignidade ó noso traballo’, sinalou Ramón Outes, representante dos estibadores.
O colectivo lembra que levan 4 anos en situación precaria e denuncian incumprimento nas últimas condicións laborais pactadas co porto. Ademais din estar cansos de esperar respostas por parte das administracións, sexan para ben ou para mal, e iso que xa lles presentaron propostas concretas. Segundo indicou Ramón Bueno, de CC.OO Arousa, ‘pensamos que é momento para que o presidente da Autoridade Portuaria retome o Plan Social para os estibadores e presentalo na Administración’.
Redacción Salnés








