O pleno da Pobra trasladará á Xunta o seu malestar ante a falla de respecto institucional

A POBRA> O pleno da Pobra aprobou destinar preto de 660 mil euros do remanente de tesourería a varias actuacións que garantan o funcionamento dos servizos municipais. Acordouse tamén trasladar á Xunta o malestar existente no concello ante as reiteradas visitas de membros do goberno galego da que non son informados os representantes do goberno local.

A situación de prórroga dos orzamentos fiXO necesario habilitar novo crédito para gastos que foron xurdindo e non estaban contemplados nos presupostos do pasado exercicio. Por esta razón, o equipo de goberno levou a pleno a proposta de destinar 659 mil euros con cargo ó remanente de tesourería a diversas intervencións encamiñadas a garantir o correcto desenvolvemento dos servizos municipais.

Destinaranse, entre outros,  a arranxos nos centros de ensino, seguridade viaria, acondicionamento de instalacións deportivas, culturais e turísticas, asfaltado de vías públicas, limpeza ou reforzo de medios da policía local.

Ademais de dar luz verde a este crédito extraordinario e á proposta de destinar a gasto corrente o POS adicional, no pleno aprobouse unha proposta da alcaldía sobre respecto institucional. Cos votos a favor do goberno e a oposición do PP que mesmo chegou a pedir a retirada do punto saíu adiante esta iniciativa para trasladar á Xunta o malestar existente no seo da corporación das reiteradas fallas de respecto institucional amosadas  pola administración autonómica.

O voceiro popular defendeu a actuación da Xunta alegando que ou ben se tratou de  convites privados a actos internos dunha empresa ou a visita se realizou a instalacións executadas e xestionadas pola administración autonómica. 

Saíu adiante tamén por unanimidade unha moción do BNG sobre a necesidade de mellora do porto pobrense para atraer maior tráfico de mercadorías.