Os orzamentos da Xunta contemplan investimentos no Barbanza por valor de 15 millóns

BARBANZA> Os orzamentos da Xunta recollen investimentos no Barbanza por valor de 15 millóns de euros. Entre os máis destacados figuran as partidas destinadas á mellora do saneamento en tódolos concellos así como unha inversión de dous millóns e medio para a futura residencia de Ribeira.

Os orzamentos autonómicos prevén un incremento das inversións na comarca do Barbanza con partidas que suman os 15 millóns de euros. As melloras en saneamento, depuración e abastecemento figuran nun lugar destacada neste presuposto que inclúe un investimento de máis de 3 millóns para as melloras na estación de tratamento de augas e na depuradora de Noia.

Sumaranse ós preto de 7 millóns previstos para a mellora do sistema de abastecemento da marxe dereita da ría de Arousa ou as actuacións en materia de saneamento en Porto do Son e Lousame.

No eido de política socio-sanitaria, destaca a partida de 2’5 millóns para a execución da residencia da terceira idade de Ribeira, 400 mil euros para o proxecto do novo centro de saúde de Noia ou 300 mil para seguir ampliando a área de hospitalización do hospital do Barbanza.

Tamén as infraestruturas viarias concentran boa parte dos investimentos cunha partida dun millón de euros para o desdobramento do corredor Brión-Noia, medio millón de euros para continuar coa variante de Ribeira.

Destacan tamén algunhas actuacións dependentes de Portos de Galicia como os máis de 500 mil euros para a construción da nova nave de redeiras en Porto do Son.

No que respecta a infraestruturas deportivas, os orzamentos consignan a última anualidade do módulo cuberto de atlestismo en Ribeira que permitirá contar tamén cun centro de tecnificación de taekwondo.