A depuradora de Lois estará rematada para marzo

    depuradoralois_100_210207.jpgRIBADUMIA > A depuradora de Lois comezará a funcionar en marzo, tal como anunciou a alcaldesa Salomé Peña, …

    … e dará servizo a cincocentos veciños. Neste momento a empresa adxudicataria traballa na conexión da depuradora coa rede de sumidoiros e queda pendente a acometida eléctrica.

    A empresa Fernández y Sarmiento está traballando actualmente nas obras de conexión do sistema de sumidoiros á nova depuradora de augas de Aldea do Monte, na parroquia ribadumiense de Lois. Neste entorno colocouse unha planta que dará servizo a cincocentos veciños da zona de Lois e da parroquia de Paradela en Meis. A través dela procesaranse os residuos urbanos para evitar que os vertidos vaian ó río Umia. O Concello de Ribadumia dispón dunha partida de máis de 8 mil euros que permitirá complementar o servizo da depuradora co sistema de sumidoiros e saneamento que xa estaba instalado nesta parroquia.

    Unha vez rematadas estas obras, o inicio do funcionamento da depuradora dependerá da acometida eléctrica por parte de Fenosa. Sen embargo, a alcaldesa Salomé Peña estima que a principios do vindeiro mes a planta estea operativa. A depuradora foi instalada grazas ó proxecto Deputrans, liderado pola Deputación de Pontevedra, que consiste en frear a degradación do espacio medioambiental e protexer e sanear o río Umia e os seus afluentes. Segundo indica o Concello, estas depuradoras son prefabricadas e compactas e non producen lodos, malos olores nin ruídos.

    Redacción Salnés