VILAGARCÍA> Os traballos de arranxo da fachada do colexio da Lomba, en Vilagarcía, están a piques de rematar. A Xunta tivo que intervir de urxencia neste centro logo de que a comezos de mes se producisen varios desprendementos de cascallos. Dende o goberno galego recoñecen o risco que supoñía esta situación. Logo desta actuación, os técnicos de Educación volverán revisar o edificio para garantir que todos os danos quedaron arranxados.
Estas imaxes son de comezos deste mes, cando a alarma saltou neste CEIP da Lomba, en Vilagarcía, polos desprendementos de cascallos da súa fachada. Unha situación que xerou moita preocupación entre as familias, polo perigo que supoñía, e que levou á Xunta a actuar de urxencia para evitar posibles novos riscos.
Logo do desencontro co concello de Vilagarcía sobre a quen lle correspondía asumir estes traballos, finalmente foi o goberno galego o que levou a cabo o arranxo, que ascende a uns 35.000 euros.
Unha vez rematen, técnicos da Xunta volverán revisar as instalacións.
Por outra banda, sobre outra deficiencia que denuncia a ANPA deste centro, sobre a necesidade de aumentar a altura das varandas das escaleiras e corredores, dende a Xunta aseguran non ter constancia e que todo cumpre a normativa.
E indica non ter coñecemento da petición dunha xuntanza para tratar este tema ou a falta de persoal no centro, como aseguran ter solicitado en distintas ocasións dende a ANPA.











