RIANXO > O executivo rianxeiro confía en que as obras de construción do futuro polígono industrial de Té poidan iniciarse antes de finais de ano.
A extensión total do futuro parque empresarial de Té aproxímase ós 320 mil metros cadrados, dos que aproximadamente 210 mil serán destinados a parcelas para uso industrial e o resto reservarase para a construción dos viais e zonas verdes que así están contempladas no proxecto.
As xestións, a estas alturas atópanse na consecución dos terreos, un trámite que o executivo rianxeiro ten moi avanzado ó chegar xa acordo co 80% dos propietarios. A cantidade acordada con eles ronda os 6’60 euros por metro cadrado.
O goberno local está a espera tamén do informe de impacto ambiental que deberá dita-la Consellería de Medio Ambiente. Unha vez superado este trámite o seguinte paso será a exposición pública do proxecto, abríndose un período para a presentación de alegacións á obra. Despois a Consellería de Política Territorial deberá realizar un informe definitivo para ser aprobado logo polo Consello da Xunta de Galicia.
Un proceso que, se todo marcha sobre o previsto, podería rematar antes de finais de ano, para o inicio inmediato das obras de urbanización do parque empresarial.
Ubicación estratéxica
Respecto ó futuro polígono Pedro Piñeiro destacou as súas características, xa que estará dividido por sectores, situando as empresas pertencentes ó sector terciario, naquelas zonas máis próximas ós núcleos de poboación.
O rexedor rianxeiro incidiu tamén na súa ubicación estratéxica, a escasos metros da futura autovía. Un feito que está a desperta-lo interese dos industriais, tanto da localidade como da comarca do Barbanza e fóra dela.
A ampla demanda de chan industrial existente provoca que o executivo local non descarte a posibilidade de levar adiante a construción do macropolígono do monte Pena, unha actuación de iniciativa privada.
Redacción Barbanza