O soldado ferido en Afganistán non regresará a casa por ter que ser operado

    NOIA > O atentado sufrido onte polas tropas españolas en Afganistán xerou unha gran consternación na comarca do Barbanza, posto que un dos feridos é veciño do núcleo noiés da Barquiña. Afortunadamente, Jorge Laíño, de 23 anos, puido saír con vida do ataque no que faleceu a súa compañeira, natural da parroquia lucense de Friol, Idoia Rodríguez. No ataque resultou tamén ferido o alférez madrileño, César Muñoz.

    soldadoferidonoia_300_220207.jpgArredor das dúas da tarde deste mércores, os pais de Jorge Laíño del Río recibían a nova de que o seu fillo resultara ferido no ataque a un convoi español no distrito de Shindad, en Afganistán. O estupor inicial veu seguido de varias horas de angustia sen saber nada sobre o alcance e a gravidade do atentado.

    Finalmente, sobre as seis da tarde a avoa do soldado recibiu a tan agardada chamada, na que o propio Jorge Laíño informaba ós seus familiares de que se atopaba ben. Remataban así os momentos máis duros para a familia que, en todo momento, recibiu o apoio dos veciños e autoridades así como dos compañeiros do soldado na Brilat.

    Intervención cirúrxica

    A pesar das optimistas previsións iniciais, unha revisión exhaustiva por parte do persoal sanitario detectou unha rotura no bazo polo que foi preciso intervir cirurxicamente ó soldado para extraerllo.

    Ó mediodía deste xoves, os pais non recibiran notificación ningunha sobre o estado de saúde do seu fillo nin lograran poñerse en contacto novamente con el, polo que seguían atentamente a información facilitada polos medios de comunicación. Os días que inicialmente permanecerá en Afganistán poderían prolongarse en función da evolución post-operatoria do paciente que permanece na unidade de Coidados Intensivos dun hospital na base de Herat. A misión de paz en Afganistan tratábase do primeiro destino no estranxeiro como soldado profesional para Jorge Laíño.

    Este noiés iniciou a súa andaina nas forzas armadas ós 18 anos, cando comezou como paracaidista en Murcia. Na actualidade, forma parte da Brilat de Pontevedra e estaba destinado en Afganistan dende o 25 de outubro. A súa intención era regresar a primeiros de marzo aínda que este tráxico incidente pode adianta-la súa volta.

    Redacción Barbanza