RIBEIRA> A carreira, celebrada onte domingo baixo a organización da Asociación Arousa NeO, forma parte do circuito Trail Series.
A de Ribeira era a segunda das tres probas que integran este ano o Trail Series, despois da disputada en Outes a finais de xaneiro.
Nela tomaron parte 154 corredores, sumando categoría masculina e feminina.
As previsións do tempo para o momento da carreira non eran demasiado boas, con chuvia e vento, e incluso algunha que outra pedraceira, pero estas condicións adversas non foron suficientes para amedrentar a algún dos participantes que disputaron a proba. Non houbo ningún abandono.
A organización recuperaba despois de varios anos o trazado de San Alberte, cunha distancia de dezaseis quilómetros por espazos de gran beleza paisaxística, tendo como punto de saída e chegada no entorno da capela.
A carreira tivo como gañadores absolutos a Esteban Toucedo en categoría masculina e Lucía Peón en categoría feminina. Completaron o podio en categoría masculina Manuel Fiel e Víctor González, mentres que en féminas Mary Pombo e Eva De la Fuente, ocuparon o segundo e terceiro posto respectivamente.
Por equipos a proba foi para o Tribu Trail, seguido do Club Atletismo Cambados e o Máxico Masaxes Kiko.
Na entrega de trofeos que se celebrou, como é costume, ó remate da proba tomaron parte a tenente de alcalde, Mariola Sampedro e o edil de Deportes, Javier Sampedro.
A seguinte proba do calendario do circuíto Trail Series, que será ademais a derradeira desta edición, disputarase o 22 de maio en Portosín.