Masiva concentración en contra da variante interior de Noia

manifestacionvariantenoia_100_260207.jpgNOIA > Centos de veciños volvéronse concentrar en contra da construción da variante interior proposta pola Consellería de Política Territorial.

Arredor das cinco da tarde do pasado sábado máis de mil persoas partían da alameda noiesa para manifestarse polas principais rúas do casco urbano en contra do trazado da variante interior deseñado por Política Territorial.

Durante o percorrido, os manifestantes gritaron consignas alusivas ó impacto que suporá a variante interior e defenderon novamente a opción dunha ponte sobre a ría como alternativa idónea. Segundo os afectados, esta proposta tería moita menos afección sobre os núcleos rurais e suporía unha importante rebaixa nos custos ademais dun menor impacto medio ambiental, urbanístico e patrimonial.

Durante a marcha tamén houbo palabras para os responsables da administración autonómica ós que acusa de desoír as reclamacións dos veciños e incluso para os membros da corporación municipal ós que instaron a implicarse na resolución do problema.

Pleno extraordinario

manifestacionvariantenoia_200_260207.jpgDe feito, o voceiro das asociacións afectadas, Julio Bustelo, anunciou que esta mesma semana solicitarán a convocatoria dun pleno extraordinario para coñece-las posturas dos distintos grupos políticos sobre a futura circunvalación.

Esta non é a primeira vez que os noieses expresan o seu rexeitamento á variante interior. Hai dúas semanas, os afectados secundaron masivamente outra protesta que contou incluso coa asistencia do alcalde, Antonio Pérez Insua.

A oposición é tal que o proxecto deseñado por Política Territorial xa recibiu máis de tres mil alegacións por parte dos colectivos veciñais do concello. Á espera dunha resposta por parte da Xunta, que está a estuda-las reclamacións, os afectados pensan seguir mobilizándose coa intención de que a Consellería retome o proxecto inicial que contemplaba a circunvalación a través dunha ponte sobre a ría.

Redacción Barbanza