Os expertos detectan un aumento dos casos de obesidade infantil

    obesidadeinfantil_100_280207.jpgBARBANZA > Os malos hábitos na alimentación e o vertixinoso ritmo de vida da actual sociedade derivaron nun preocupante aumento de casos de obesidade.

    Ademais dunha cuestión estética, o exceso de peso pode supoñer importantes problemas para a saúde. O principal é o risco de padecer enfermidades cardiovasculares provocadas polo exceso de graxa que dificulta a circulación. Tamén pode ser causa doutras patoloxías metabólicas como a diabete e de problemas nas articulacións como a artrose nos xeonllos debido ó elevado peso que teñen que soportar.

    A pesar dos graves riscos que conleva a obesidade, nos últimos anos detectouse un preocupante número de pacientes con esta enfermidade, con gran incidencia entre a poboación infantil.

    obesidadeinfantil_200_280207.jpgOs expertos atribúen as causas ós malos hábitos alimenticios, con claro predominio de produtos precociñados, que se converten na estrela dos menús a causa do escaso tempo do que dispoñemos na actualidade. Tamén a falla de exercicio físico inflúe en boa medida nas causas do sobrepeso.

    Dieta equilibrada

    Fronte esta tendencia, os nutricionistas aconsellan unha dieta variada, rica en froita e verdura e libre de graxas saturadas. Para potenciar estes hábitos dende ben pequenos, os comedores escolares deseñan os seus menús coa axuda de profesionais que integran tódolos produtos necesarios para unha alimentación equilibrada.

    Aínda así, boa parte dos rapaces, incluso os máis pequenos, xa posúen hábitos alimenticios inaxeitados. A verdura segue a ser o principal inimigo dos cativos mentres que as hamburguesas, salchichas e demais expoñentes da comida rápida son os alimentos que máis demandan os nenos. Dende o ámbito escolar, inténtase corrixir esa tendencia para evitar futuros problemas que poidan poñer en risco a súa saúde a calidade de vida.

    Redacción Barbanza