A ABE aposta polo desenvolvemento dos plans parcias de Barraña e Cabo de Cruz

    abe_100_010307.jpgBOIRO > O desenvolvemento dos plans parciais está a xerar unha importante preocupación entre o sector empresarial que ve perigar o crecemento urbano.

    O presidente da patronal boiresa, Luís Ángel González Maceiras, expresou o seu apoio ó goberno local para conquerir a máxima edificabilidade no desenvolvemento destes plans e animou ós propietarios afectados a chegar a un consenso para permiti-lo desenvolvemento urbanístico de concello.

    No caso de Barraña, o presidente da ABE considera primordial garantir o desenvolvemento do centro urbano, no que se concentra gran parte da actividade económica da vila. Polo que respecta a Cabo de Cruz, Luís Ángel González, fixo referencia ó interese dos construtores boireses por edificar neste núcleo que precisará da construción de infraestruturas para dar servizo ó futuro porto deportivo.

    Precisamente, o presidente da patronal instou ó goberno boirés a contar coas empresas barbanzáns para o desenvolvemento destas dúas zonas, no caso de que os plans saían adiante.

    A aprobación destes plans parciais será levada a pleno o vindeiro xoves día 8. A directiva da patronal xa cursou unha invitación ós responsables do goberno para que, antes do seu debate, manteñan unha xuntanza co empresariado para informar das condicións de edificabilidade contempladas nestas propostas.

    Recinto feiral

    predeira_200_010307.jpgDurante a súa comparecencia, o presidente da patronal referiuse tamén á demanda de construción dun recinto feiral na comarca. A pesar da oferta de terreos presentada polo concello de Ribeira, González Maceiras entende que esta infraestrutura debería implantarse ne Boiro, tanto pola súa situación xeográfica como polos estudos e peticións que xa se levan feito dende hai anos para a construción dun recinto deste tipo. Ademais lembra o carácter pioneiro da Boiroferta organizada polo concello boirés, que amosa a capacidade do municipio para a organización deste tipo de eventos. Para a súa ubicación, o concello dispón dunha bolsa de terreo de 30 mil metros cadrados na zona da Pedreira.

    O presidente dos empresarios boireses considera que a construción deste recinto sería moi beneficiosa para Boiro posto que permitiría trasladar o mercadiño ambulante deixando libre o centro urbano e incluso permitiría aliviar a zona da movida nocturna posto que o novo recinto permitiría a organización de macroconcertos e actividades para a mocidade.

    Aínda así, Luís Ángel Maceiras considera que debería organizarse unha xuntanza entre os alcaldes e os representantes empresariais dos catro concellos do Barbanza, para decidi-la ubicación máis axeitada. De non ser Boiro o emprazamento idóneo para un recinto comarcal, a ABE, en colaboración co concello, ten intención de implantar igualmente unhas instalacións na localidade para a celebración de eventos.

    Redacción Barbanza