Masiva afluencia de público ás feiras de oportunidades de Noia e Padrón

feiraoportunidadesnoia_100_050307.jpgNOIA/PADRÓN > As feiras de oportunidades de Noia e Padrón pecharon as súas portas tras un exitoso fin de semana tanto en público como en vendas.

Sobre todo roupa e calzado foron os artigos que máis éxito acadaron entre os compradores. A pesar do predominio do sector textil, na segunda feira de oportunidades de Noia podiase atopar de todo; dende produtos de droguería ou alimentación ata fotografía, xoias e decoración. É por iso, que miles de persoas de toda a comarca se desprazaron ata Noia durante a fin de semana para realiza-las súas compras.

Os stands dos trinta e catro establecementos participantes instaláronse no ximnasio e nunha carpa montada no patio do Instituto San Alberto. No recinto habiltouse tamén un servizo de cafetería e dous espazos para as asociacións ‘A Creba’ e o ‘Servizo de Tratamento a Nenos con Discapacidade’ nos que expuxeron as pezas elaboradas nos seus obradoiros de artesanía.

A directiva da Asociación de Actividades Empresariais de Noia realizou un balance moi positivo desta segunda edición da feira, pola que pasaron preto de 25 mil persoas, cifra notablemente superior ós 20 mil visitantes do pasado ano. Pero non só se experimentou un incremento no número de público senón nas vendas que ascenderon de forma considerable e na calidade dos produtos e dos propios expositores.

Ademais dos beneficios económicos, o presidente da patronal noiesa, Manuel Rey, destacou a importancia de organizar estas actividades para dinamiza-lo comercio da vila e fomenta-lo asociacionismo entre o sector. De aí, que os comerciantes da localidade xa estean a pensar na organización da terceira edición da Feira de Oportunidades do comercio noiés.

feiraoportunidadespadron_200_050307.jpgEn Padrón tamén se desenvolveu esta fin de semana unha iniciativa semellante. Neste caso a organización correu a cargo dun grupo de comerciantes, que de xeito individual, decidiron involucrarse, por primera vez, nesta Expoliquidación.

A feira desenvolveuse durante tres días, de venres a domingo, e nela puxéronse á venda diversos artículos, fundamentalmente roupa, aínda que tamén outros produtos como calzado e material deportivo e informatico.

A boa resposta de público fai pensar a organización en novas edicións desta Feira de Expoliquidación, na que pretenderán involucrar a máis xente, xa que nesta ocasión o número de stands non era moi elevado.

Redacción Barbanza