O Culturgal volve a Pontevedra cun formato adaptado ás restricións da Covid

PONTEVEDRA> “En caso de emerxencia, Cultura”. Ese é o lema da 13ª edición do Culturgal. A Feira das Industrias Culturais de Galicia regresa a Pontevedra a pesar da crise da Covid. O evento levarase a cabo do 27 ao 29 de novembro mesturando a presencialidade cun formato online.

A cultura foi unha das grandes prexudicadas este 2020 pola crise da Covid. Ao longo de todo o ano, foron moitos os eventos e festas suspendidas pola pandemia pero nesta ocasión, o coronavirus non vai poder co Culturgal. A Feira de Industrias Culturais de Galicia regresa a Pontevedra coa súa 13ª edición. Faino, iso si, combinando o formato presencial co virtual.

O Culturgal dividirase este ano en catro seccións: Foro, Escena, Libro e Espazo Cinema. Este último será o único que se desenvolverá de maneira presencial na súa totalidade. A programación dos outros tres escenarios será retransmitida a través da web da Feira.

A organización do Culturgal quixo darlle a volta á tortilla e tratar de mudar con este evento a situación tan complicada que está a sufrir o sector porque, como di o lema desta edición, “En caso de emerxencia, Cultura”. Algo que foi aplaudido hoxe polos tres principais patrocinadores do evento.

Polo Culturgal pasarán este ano artistas como Mónica Mura, Carlos Varela, Luar na Lubre ou Susana Seivane. Ademais, o evento contará tamén con escritores como Manuel Rivas, Ledicia Costas ou Berta Dávila. Toda a programación está dispoñible na páxina web cultur.gal