A executiva local elixe a Dieste para encabezar a lista dos populares boireses

    xoanxosedieste_100_060307.jpgBOIRO Xoán Xosé Dieste será o candidato do PP á alcaldía de Boiro tras obter o respaldo maioritario da executiva local.

    A decisión adoptouse no transcurso dunha asemblea celebrada na noite do luns na que o novo candidato obtivo o apoio de doce dos quince membros da executiva local. Un respaldo maioritario fronte ás outras dúas candidaturas que se presentaron: a de Javier Chouza con dous votos e a de Juan Carlos González con tan só un apoio.

    A renuncia do, ata agora candidato popular, Luís Blanco Vila, abriu unha nova etapa no camiño cara as eleccións do vindeiro mes de maio. Unha nova etapa moi ben recibida pola militancia boiresa tras unha candidatura imposta que, a pesar de que foi aceptada oficialmente non contaba coa aprobación de gran parte dos simpatizantes e militantes do partido. Con maior apoio contaba Xoán Xosé Dieste que finalmente resultou elixido como candidato nunha asemblea celebrada pola executiva local.

    Despois de que os tres aspirantes a candidatos, Xoán Xosé Dieste, Javier Chouza e Juan Carlos González, expuxeran en liñas xerais os seus principais obxectivos, os membros da executiva local procederon á elección do candidato definitivo mediante votación segreda. Non houbo sorpresas posto que, dende que se coñeceu a renuncia de Luís Blanco Vila, tódalas quinielas apuntaban a Dieste como cabeza de lista dos populares para aspirar á alcaldía. Nun primeiro momento, Dieste e Chouza valoraron a posibilidade de presentar unha candidatura conxunta, que finalmente non saíu adiante.

    Trala súa ratificación como candidato, a intención de Dieste é iniciar unha rolda de contactos para integrar canto antes un equipo de cara á campaña electoral. Deste xeito, pretende recuperar o tempo perdido co relevo da candidatura e tentar que o partido inicie unha traxectoria ascendente.

    Xoán Xosé Dieste non quere, polo momento, falar de listas posto que aínda lle parece moi precipitado. Tampouco están definidos aínda os puntos a incluír no programa electoral anque, entre os seus obxectivos básicos, estará relanzar o concello de Boiro para saír da ‘fase de estancamento en que o sumiu o actual goberno’.

    Redacción Barbanza