Moreda asina un convenio que da luz verde á rotonda de Ponte Goiáns

    moredaenboiro_100_060307.jpgBOIRO > O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, anunciou en Boiro o próximo inicio das obras da rotonda de Ponte-Goiáns.

    Durante a visita, procedeuse á sinatura do convenio para a expropiación dunha casa que será preciso derrubar para acomete-la obra. A Deputación chegou a un acordo coa propietaria, polo cal recibirá unha indemnización de máis de 96 mil euros. Tras este último paso, procederase á adxudicación da obra e nun prazo aproximado de mes e medio poderán dar comezo os traballos.

    rotondapontegoians_200_060307.jpgA construción dunha rotonda na intersección entre a estrada provincial Boiro-Noia 1105 e a AC-305 permitirá a eliminación dun punto moi conflitivo no que respecta á seguridade vial. O presidente da Deputación xa se comprometera hai un ano a acometer este proxecto, que foi aprobado durante o pleno provincial do pasado venres. O presuposto para a realización da obra ascende a 57 mil euros, ós que hai que sumar os 96.600 euros para facer fronte ó pago da expropiación avenida acordada entre a administración provincial e a propietaria do inmoble.

    Ademais do anuncio da próxima construción da glorieta, o presidente da Deputación aproveitou a visita para coñecer o estado de varias obras financiadas polo seu departamento. Entre elas, o empedrado e a renovación das redes de servizos básicos no núcleo da Pesqueira en Cabo de Cruz ou a reforma do salón de actos da casa da cultura da Cachada.

    Inversión millonaria

    En total, nos últimos tres anos e medio, a Deputación da Coruña investiu preto de seis millóns de euros en dotar de infraestruturas ó municipio boirés, sen contar outro tipo de actuacións en materia cultural e deportiva. Esta cifra millonaria revela o compromiso adquirido polo ente provincial co desenvolvemento da comarca do Barbanza e do municipio boirés, en concreto; compromiso que lle foi agradecido polo rexedor local, Xosé Deira.

    Pola súa banda, o concelleiro de Obras da localidade, Xoán Xesús Ares, non quixo perde-la ocasión de solicitarlle ó presidente provincial a colaboración do seu departamento para a mellora da estrada de acceso ó Centro Arquolóxico do Barbanza.

    Fernández Moreda recolleu a petición do responsable local aínda que insistiu en que o proxecto non se poderá levar a cabo ata a vindeira lexislatura posto que esta estrada pertence á rede provincial secundaria e é preciso priorizar aquelas vías que soportan un maior tránsito de vehículos.

    Redacción Barbanza