PORTO DO SON> A Garda Civil detivo a dous veciños de Ribeira e investigou a outros dous coma presuntos autores dun delito de roubo nunha vivenda no lugar de Basoñas, da que se levaron diversas ferramentas, electrodomésticos e equipos electrónicos, despois de forzar a fiestra da fachada principal.
A investigación iniciouse despois de que a vítima presentara nas propias dependencias da Garda Civil sonense a correspondente denuncia.
Os axentes do Instituto Armado lograron a identificación plena dos responsables do roubo, ó parecer unha parella que vendera tódolos efectos roubados nunha tenda de segunda man.
Durante a súa detención, alegaron que eles non foran os autores do roubo, culpando a outros dous mozos con antecedentes de ser os encargados de subtraer os efectos do interior da vivenda, aínda que recoñeceron ser os responsables do seu transporte e posterior venda, polo que ademais da súa detención procedeu a abrir unha investigación ás outras dúas persoas como presuntas autoras dun delito de roubo.
A Garda Civil puido recuperar todo o material roubado, que xa le foi entregado o seu lexítimo propietario. Os dous prendidos xa pasaron a disposición do Xulgado de Instrución de Noia que é quen instrúe o caso.