Ribeira acolle o inicio da xira galega de ‘Manuela Rey is in da house’

RIBEIRA> O Centro Dramático Galego levará a Ribeira a obra ‘Manuel Rey is in da hose’. Trátase dunha coprodución galego-portuguesa inspirada en textos da autora. A vila barbanzá será a primeira das cidades galegas en acoller a función trala súa estrea en Santiago o pasado mes de marzo.

O breve traxecto vital de Manuela Rey, finada con tan só 23 anos, deu para moito. En apenas dúas décadas pasou polo exilio, a perda da familia e a enfermidade, circunstancias que non limitaron o seu talento creativo.

 O Centro Dramático Galego aliouse con varias institucións portuguesas para levar a escena a vida e obra da actriz e dramaturga mindoniense baixo a dirección de Fran Núñez.

Tralo seu paso por tres localidades portuguesas e a estrea galega en Santiago, a función comezará a súa xira en Ribeira o mércores 30 ás nove e cuarto da noite. Será no auditorio e poderán adquirirse as entradas a partir do próximo luns.