Política Territorial reforzará as vías alternativas á Vía Rápida de cara ó verán

    xuntanzacaridecoafeb_100_060307.jpgBARBANZA > María Xosé Caride informou ós empresarios do Barbanza do bo ritmo das obras da autovía que están a cumprir os prazos establecidos.

    Van alá máis de cinco meses dende que o Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, procedera á colocación da primeira pedra das obras de conversión da actual vía rápida do Barbanza en autovía. Dende aquela ata hoxe os traballos foronse intensificando e actualmente xa hai uns 120 operarios traballando en toda a vía, cantidade que se incrementará a medida que as obras aumenten en complexidade.

    Durante unha xuntanza mantida cunha delegación de empresarios barbanzáns, a Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, tamén lles confirmou que os prazos do desdobramento, de 27 meses, se manteñen polo que a autovía poderá estar rematada a comezos de 2009. A Conselleira tamén pediu comprensión polos efectos que toda obra pública provoca durante a súa execución.

    Política Territorial xa está a traballar para evitar que os desvíos e cortes de tráfico que acompañan a unha obra deste tipo afecten ós meses de verán, que son os que rexistran un maior número de desprazamentos pola comarca. Ademáis, xa se está ultimando o plan de reforzo das vías alternativas para que estas estradas poidan recibi-lo incremento de tráfico provocado polos desvíos nas mellores condicións posibles.

     

    Variantes de Noia e Outes

     

    Os empresarios do Barbanza tamén se interesaron polos proxectos de variantes para Noia e Outes. No primeiro caso, agradeceron que se lles invitase a formar parte da mesa de seguemento deste proxecto, que deberá reunirse novamente despois de resolve-las alegacións presentadas. No encontro María Xosé Caride reiterou o seu compromiso con esta vía, que segundo ela, é fundamental para a comarca.

    En canto á variante de Outes, a Conselleira informou ós representantes da patronal comarcal que o pasado 6 de febreiro xa comezou o levantamento das actas previas para a ocupación dos terreos e que en breve darán comezo as obras.

     

    Redacción Barbanza