BOIRO> A concelleira de Cultura, María Outeiral, xunto co alcalde, Xosé Ramón Romero, foron os encargados de debullar todo o programa das Festas do Verán que se desenvolverán do 5 ó 10 de xullo.
Como en edicións anteriores tratarán de satisfacer a todo tipo de públicos, coa mestura de actividades que van dende a música tradicional ós tributos, pasando tamén polas verbenas.
O pregón terá este ano como protagonistas ás mulleres do téxtil, un sector con gran peso no pasado en Boiro, e que o Concello quere recoñecer.
Outra dos grandes atractivos dos últimos anos será o espectáculo piromusical que se vai celebrar ás 12:15 da noite na praia de Barraña.
Tamén hai que resaltar no programa o Día das Peñas, o luns 8, a partir das doce da mañá no Parque da Cachada.
Dende o Concello quixeron destacar tamén a colaboración das asociacións e grupos tradicionais locais.











