RIBEIRA> A Policía Nacional de Ribeira trata de localizar ó presunto autor dun atraco acontecido este mediodía no Gadis da céntrica rúa Rosalía de Castro.
Pasadas as dúas da tarde, o home accedeu ó interior do establecemento e dirixiuse a unha das caixas para pedir un impreso de solicitude de traballo. A caixeira desprazouse entón ás oficinas acompañada polo individuo quen, unha vez alí, a apuntou cunha pistola esixíndolle que lle entregara o diñeiro.
A empregada conseguiu pedir axuda a través do sistema interno de seguridade polo que o home optou por fuxir. O suceso causou unha gran expectación entre os numerosos clientes que se atopaban no supermercado así como transeúntes que presenciaron a fuxida.
Ademais das patrullas da policía local e nacional ata o lugar desprazouse unha ambulancia do 061 que trasladou á traballadora ata o hospital do Barbanza tras sufrir unha crise nerviosa.