Os veciños da Barquiña piden máis vixilancia para evitar roubos nos pantaláns

NOIA> Veciños do núcleo da Barquiña, en Noia, denuncian constantes roubos nas embarcacións atracadas no porto. Demandan máis vixilancia durante a noite posto que se trata dunha zona afastada e sen apenas alumeado.

Hai quince días tiña lugar o último dos numerosos roubos que se están a rexistrar neste pantalán do núcleo noiés da Barquiña. Foi na embarcación de José Manuel Túñez da que levaron a batería.

Este é o último episodio duns sucesos que se repiten xa con demasiada frecuencia e que ademais de inseguridade supoñen importantes perdas para os propietarios das embarcacións. Os veciños piden máis vixilancia policial así como a instalación de cámaras de seguridade e puntos de luz posto que se trata dunha zona afastada e pouco alumeada.

Nas súas demandas contan co apoio do BNG que trasladarán este problema ó resto da corporación para demandar máis seguridade ante Portos e incrementar a presenza policial en quendas nocturnas como medida disuasoria.

Lembran os nacionalistas que nos últimos meses xa se teñen rexistrado problemas de inseguridade noutros puntos do municipio cunha vaga de roubos en locais hostaleiros e mesmo no interior dalgunhas vivendas.