Cae unha rede que comercializaba marisco ilegal procedente do furtivismo

RIBEIRA> A Policía Autonómica, en colaboración co Servizo de Gardacostas, desartella unha rede de comercialización de marisco ilegal procedente do furtivismo que operaba na ría de Arousa. Investíganse a un total de trece persoas, entre elas un parquista de Carril que, supostamente, era o encargado de introducir o marisco nas canles de comercialización legais, a través da lonxa carrilexa, na que operaba.

O xulgado de Garda de Ribeira encárgase das dilixencias desta operación, denominada Aixam, levada a cabo conxuntamente pola Policía Autonómica e o Servizo de Gardacostas contra o furtivismo na ría de Arousa.

A investigación iniciouse xa no mes de marzo, en pleno estado de Alarma. Os axentes observaban que a pesar das restricións importas, os furtivos seguían traballando ás súas anchas, principalmente nas praias de Boiro e Rianxo, as máis afectadas por esta lacra. Pero cal era a saída dese marisco? As vixilancias realizadas polos axentes permitiron localizar a unha persoa que presuntamente se dedicaba a compra deste marisco ilegal.

Segundo se desprende da investigación trátase dun parquista de Carril que era o encargado de introducir o marisco recollido de xeito ilegal nas praias na cadea comercializadora a través da lonxa carrilexa, na que el estaba autorizado, ó ser produtor.

Un dos aspectos nos que precisamente os dirixentes dos pósitos arousáns levan tempo incidindo e sobre os que indican que se tiñan que exercer os controis.

Segundo os datos comprobados polos axentes sobre as vendas puideron constatarse entradas anuais de marisco na rula de Carril de ata 3.500 quilos. Unha cantidade o suficientemente grande para dar que desconfiar.

Ademais desta persoa, investíganse a outras doce persoas máis. Están acusados de furtivismo e delitos contra a saúde pública.