A explosión dunha bombona de camping gas provoca un incendio nun céntrico negocio de Vilagarcía

VILAGARCÍA> Unha bombona de camping gas é a orixe do incendio declarado esta mañá nun establecemento de reparación de patinetes, nunhas céntricas galerías de Vilagarcía. Os responsables do local estaban a soldar un patinete eléctrico cando se produciu unha deflagración, que acabou orixinando o lume. Por fortuna, só hai que lamentar danos materiais.

O incendio xerou unha gran expectación na contorna. Sendo martes e a escasos metros da feira, foron moitois os curiosos que se achegaron ata esta zona da rúa Castelao. Os feitos aconteceron contra as 11 da mañá nun dos locais destas céntricas galerías. O lume declarouse logo dunha deflagración mentres os responsables do establecemento estaban a soldar un patinete eléctrico.

O incendio non, por fortuna, non causou grandes danos. Pola contra, o fume non só afectou ao local onde se declarou o lume: espallouse rapidamente polas galerías, afectando aos establecementos próximos.

Á chegada dos servizos de emerxencia, tódolos negocios da galería xa estaban desaloxados. Unha reacción rápida por parte dos propietarios, que evitou que ninguén se vise afectado pola inhalación de fume.

O dono do establecemento e tamén algún veciño da zona alertou ao 112 Galicia do suceso. No operativo, ademais de Emerxencias, participaron os Bombeiros de Vilagarcía, a Policía Local e a Policía Nacional. As primeiras informacións aseguraban que se trataba dun taller clandestino, un extremo desmentido polo propio dono do local que, á chegada das forzas da orde, presentou documentación acreditando se-lo titular do negocio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí