Cabo de Cruz volve ser o punto de partida da Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla

    BOIRO> Un ano máis, Cabo de Cruz volverá ser o porto de saída da Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla. A conmemoración do traslado dos restos do apóstolo, na que participan vinte e un concello, acada este ano a súa trixésimo primeira edición. Nada máis e nada menos que trinta e unha edicións avalan o éxito desta ruta marítima xacobea única no mundo. O remonte conmemora o último treito do traslado do corpo do apóstolo Santiago dende Jaffa ata Padrón. Pero ademais da súa dimensión relixiosa e espiritual, este evento converteuse xa nun referente cultural grazas ó labor da Fundación e dos vinte e un concellos que a integran. O porto de saída volverá ser Cabo de Cruz de onde partirán este domingo ás catro da tarde dous catamaráns e numerosas embarcacións particulares que se suman á ruta. Tódolos participantes poderán solicitar a cartilla náutica que será selada nos portos correspondentes para a obtención do diploma que se entrega na igrexa do Pedrón. O alcalde de Boiro animou á implicación de tódolos concellos de Arousa e Ulla para apoiar esta ruta que supón un atractivo turístico máis a través da difusión do patrimonio cultural e etnográfico. A traslatio é o acto central da fundación que desenvolve ó longo do ano numerosas actividades. Destaca entre elas a publicación de catálogos culturais como a guía literaria, a guía de cruceiros ou a guía Arousa, editada en galego, castelán e inglés.