Política Territorial sacará a licitación a variante de Outes de xeito inmediato

concellooutes_100_140307.jpgOUTES > A Consellería de Política Territorial e Obras Públicas vén de informar da próxima licitación das obras da variante de Outes.

A pesar de que o proxecto xerou, nos seus inicios, o rexeitamento de varias organizacións ecoloxistas debido ó seu impacto sobre a ría, finalmente a opción do viaducto na zona de Langaño saíu adiante.

O Consello de Ministros vén de conceder a autorización para a execución do proxecto e a Consellería de Obras Públicas xa informou de que vai saír a licitación de forma inmediata.

Mellora das comunicacións

riamurosnoia_200_140307.jpgEsta nova foi moi ben recibida polo concello posto que a nova infraestrutra suporá unha notable mellora das comunicacións tanto exteriores como dentro da propia comarca. Sen embargo, o rexedor local, Carlos López Crespo, entende que o ben colectivo debe compaxinarse co respecto ós dereitos individuais polo que agarda que os veciños afectados reciban a indemnización correspondente.

O prazo de execución da obra é de 24 meses polo que se prevé que a nova variante entre en servizo durante o 2009. O alcalde considera que esta mellora das comunicacións acurtará a distancia coa capital galega e axudará a mellorar a competitividade do seu concello dentro do panorama nacional e mesmo internacional.

Polémica en Noia

Mentres a variante de Outes está a piques de converterse nunha realidade, o proxecto deseñado por Política Territorial para Noia segue envolto na polémica. Os veciños afectados solicitan que a circunvalación se realice, ó igual que no concello outiense, cun viaducto sobre a ría e descartan o trazado interior posto que, ademais de supoñer unha maior afección urbanísitica e ambiental, é máis longo e máis custoso.

Redacción Barbanza