BOIRO> Un incendio calcinou por completo esta fin de semana un quiosco de xeados no paseo marítimo de Barraña, en Boiro. Todo apunta a que a súa orixe puido ser intencionada.
Totalmente calcinado. Este é o estado no que quedou un quiosco de xeados situado no paseo marítimo de Barraña, en Boiro, tras sufrir un incendio na madrugada do sábado ó domingo.
A chegada dos equipos de emerxencias, tanto Protección Civil coma unha dotación de garda do parque de bombeiros de Boiro, non puido evitar que acabase pasto das lapas.
A Garda Civil de Boiro investiga agora as posibles causas do incendio. Todo apunta a que a súa orixe foi intencionada, e que se debeu a un acto vandálico. Algo que haberá que esclarecer coa investigación.
Fontes desta redacción conseguiron poñerse en contacto co seu propietario, que aínda que non quixo facer declaracións ante as cámaras, se mostrou moi afectado polo acontecido, xa que ‘en menos de dous minutos se queimou o traballo de todo un verán’.