![]()
VILANOVA > A actividade non para no Terrón. O Concello apura a construcción da pasarela …
… e do paseo peonil, co obxectivo de habilitalos para esta Semana Santa. O alcalde, Gonzalo Durán, visitou hoxe a zona.
O Concello de Vilanova pretende abrir a pasarela do Terrón en dúas semanas. A obra non estará totalmente rematada para entón pero si será transitable para os peóns. O goberno local busca aproveitar as vacacións de Semana Santa para ofrecer un novo reclamo ós visitantes. A construcción desta pasarela parece do agrado dos veciños de Vilanova. Pese a que moitos aínda non viron a estructura, a idea de comunicar o pobo coa zona de praias do Terrón parécelles boa, sobre todo no caso das persoas maiores.
O Concello comezou estes días tamén o acondicionamento do bordo litoral do Terrón. O obxectivo é crear unha senda peonil que conecte a pasarela coa zona de praias, que tamén estaría lista en dúas semanas. O paseo contará con bancos e alumeado, segundo indicou o rexedor Gonzalo Durán.
Sen dúbida, a obra máis polémica nesta zona é a do campo de fútbol. A maquinaria do Concello segue a traballar, pese ós reclamos de información sobre o proxecto que fai a delegación de Política Territorial. O alcalde dixo que non ía a entrar en máis polémica nin coa delegada provincial nin co portavoz do PSOE local, por consello dos asesores xurídicos municipais e tamén da propia Consellería de Política Territorial.
O alcalde tamén visitou hoxe as obras do contradique que constrúe no Terrón Augas de Galicia. Durán indicou que van moi avanzadas e que permitirán dar maior abrigo ós barcos de mexillón que descargan no porto de Vilanova.
Redacción Salnés








