María San Gil: ‘Os votantes manifestarán o seu descontento con Zapatero nas eleccións municipais’

    mariasangil_100_200307.jpgCALDAS > Os votantes plasmarán o seu descontento co goberno de Zapatero nestas eleccións municipais. Así o sinalou hoxe María San Gil, …

    … presidenta do PP no País Vasco, que se atopa de visita en Galicia. A súa primeira parada hoxe foi en Caldas de Reis, onde asistiu á presentación oficial do candidato popular á alcaldía deste concello, Jesús Goldar.

    feijoosangil_200_200307.jpgO candidato á alcaldía de Caldas polo PP, Jesús Goldar, contou na súa presentación ante os medios de comunicación coa presenza de altos cargos do partido. Ademais de Rafael Louzán e Alberto Núñez Feijóo no acto tamén estivo a presidenta do PP no País Vasco, María San Gil. Os tres déronlle ánimos para rematar, dunha vez, con 28 anos de goberno socialista, e darlle novos aires a Caldas. Retos que asume o candidato, despois de 8 anos de ‘oposición firme cando tiña que ser, e leal e constructiva a todas horas’, indicou Goldar, á vez que engadía que ‘é hora de que entre aire fresco e limpo’ no goberno local.

    Jesús Goldar indicou que ten moitas ideas para conseguir ese propósito. Sinalou que está a traballar nun programa electoral ambicioso e realizable, e tamén na elaboración dunha candidatura con xente nova e formada, con moitas mulleres e na que estarán representantes das sete parroquias. Presentaraa nun acto público o mes que vén pero non quixo desvelar se na lista irá Evaristo Juncal, anterior candidato e actual presidente da agrupación local.

    A presenza de María San Gil levou a falar de política nacional e a presidenta dos populares vascos indicou que actualmente existe un clima de crispación ‘que nunca houbo en España’, polo que cre que este descontento co ‘desgoberno de Zapatero’ influirá nos votantes nas eleccións municipais do 27 de maio. San Gil despediuse de Goldar dicindo que volverá a Caldas ‘en canto sexa alcalde, ou sexa o 28 de maio’.

    Redacción Salnés