Ribeira inicia a tramitación para a cesión dos terreos da futura residencia

RIBEIRA> O concello de Ribeira avanza nas xestións da futura residencia de Ribeira. No pleno da pasada tarde aprobábase o rexistro da parcela no inventario de bens municipais así como o cambio de titularidade para a súa cesión á Xunta de Galicia.

Os trámites aprobados onte en pleno supoñenn o primeiro paso para a futura residencia de Ribeira, permitindo a incorporación ó inventario municipal dos terreos emprazados entre San Roque e Cruxeiras para poñer a disposición da Xunta de Galicia unha segregación duns 20 mil metros cadrados nos que se emprazará a infraestrutura.

A residencia contará cun mínimo de 120 prazas con posibilidade de ampliacións futuras en función da demanda.

Este avance na tramitación non satisfixo á oposición posto que, segundo o BNG, supón renunciar definitivamente á residencia das Saíñas, un proxecto no que xa se investiron 800 mil euros.

Ademais da perda destes fondos públicos, os nacionalistas consideran que o emprazamento é moito mellor que a nova alternativa polo que volveron solicitar unha reunión urxente co equipo de goberno e os técnicos municipais para analizar a documentación que permita recuperar o anterior proxecto.