RIBEIRA> O alcalde de Ribeira mantivo un encontro cos afectados polo proxecto da variante que demandan unha alternativa ó trazado actual. Manuel Ruíz amosou a súa disposición a estudar as propostas veciñais sempre que constitúan unha solución viable tecnicamente.
Na xuntanza, o alcalde manifestou a súa disposición a estudar novas propostas sempre e cando cumpran coa necesidade básica de dar unha alternativa de saída e entrada ó núcleo de poboación.
Manuel Ruíz informou que preocupan especialmente dous puntos, en Cubeliños e en Cruxeiras, para os que se está a buscar unha solución menos prexudicial.
Tampouco descartan estudar un trazado alternativo elaborado por un enxeñeiro rianxeiro hai algúns anos como proxecto de fin de grao, tal e como demandan os afectados. Sen embargo, ata o momento descoñécese se sería viable a súa execución técnica.