BOIRO> Exposicións, contacontos, proxeccións audiovisuais e obradoiros compoñen boa parte da programación deseñada polo concello de Boiro para conmemorar o 25N. Os actos centrais terán lugar o sábado 25 coa lectura dun manifesto e unha actuación musical.
Malia que o concello de Boiro traballa durante todo o ano a igualdade dun xeito transversal con programas específicos como o ciclo Muller e Saúde, neste mes de novembro intensificará as accións para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O propio día 25 haberá un contacontos infantil pola Igualdade e a proxección da curta ‘Lavadoiros’ protagonizada por 11 veciñas anónimas do Barbanza. Serán o paso previo ó acto institucional previsto para a unha da tarde.
Ademais dos actos do día 25 desenvolveranse outras campañas complementarias ó longo do mes como a exposición de rúa ‘Visibilizando a violencia de xénero’ ou os obradoiros que xa se están a impartir nos centros educativos.
As actividades continuarán no mes de xaneiro cun curso de defensa persoal dirixido a mulleres en varias quendas.