Cinco anos ó servizo da terceira idade

    aniversarioresidencia_100_260307.jpgRIBEIRA > A Residencia do Maior de Ribeira está de aniversario posto que hai xa cinco anos que se puxo en marcha este servizo.

    Para celebralo, a dirección do centro organizou diversas actividades cos residentes e unha comida de confraternidade que contou coa presenza do alcalde da localidade, Xosé Luís Torres Colomer.

    Hai xa cinco anos que a Residencia do Maior de Ribeira abriu as súas portas para cubri-la crecente demanda de atención ás persoas maiores dependentes na localidade. Para celebrar este quinto aniversario, a dirección do centro decidiu implicar tanto ó persoal como ós usuarios do centro en diversas actividades. Así leváronse a cabo obradoiros, actividades lúdicas e mesmo deseñaron un mural conmemorativo deste quinto cumpreanos.

    Xantar de confraternidade

    aniversarioresidencia_200_270307.jpgComo colofón final a tódalas celebracións tivo lugar un xantar de confraternidade que contou coa asistencia de convidados moi especiais. Entre eles, o alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, o párroco da localidade, Cesáreo Canabal, o director técnico da empresa ‘Geriatros’, José Manuel Pazos, e os directores das residencias ‘Abrente’ de Ribeira, Carballo e Ferrol, Asunción Calvo, Lucía Cores e José Manuel Pérez, respectivamente. Todos eles compartiron mesa cos residentes que se amosaron encantados cos actos de celebración e co servizo que lles ofrece o persoal durante todo o ano.

    Na actualidade, a residencia da terceira idade de Ribeira conta con máis dun cento de prazas e múltiples servizos para a atención das persoas maiores. Ademais dos coidados diarios, a dirección do centro organiza durante todo o ano actividades complemetarias para facer máis amena a estancia dos residentes. Entre elas, excursións, festas, teatro e accións de voluntariado. Ademais conta con servizo de transporte e vehículo adaptado, fisioterapia, logopedia, estimulación cognitiva e servizo de acompañamento, entre moitos outros.

    Redacción Barbanza